O multimillonario e o seu xoguete


¡Murdoch de novo ó ataque! Pos si, semella que o magnate australiano non se conforma con ter a metade dos medios informativos do planeta (The Sun, The Times, Fox, ou Sky entre moitos outros) e agora quere estender ó seu poder á Rede cun MySpace para atraer a Yahoo! e atalo ás tebras… digooo, para conseguir un 25% da compañía.


¿Por que poñer en xogo o sitio web de interacción persoal máis empregado do mundo por unha empresa que perdeu o 35% do seu valor bursátil o ano pasado? Os camiños de Rupert son inescrutables… porque se ollamos para o seu historial, algo vería no tema ¿non si?

E o pobre Yahoo! anda vendo se con este pacto (con tantas eleccións de por medio, a palabra ficará no meu vocabulario un bo tempo…) pode alcanzar ó Gran Google. Algo que, polo momento, é unha batalla totalmente perdida. Si, todos sabemos que este buscador rematará por dominar o mundo. E recoñecédeo, agora cada vez que non sabedes algunha cousa, acudides a el e só a el.

-¡Ei! Non atopo isto no googlés…

-¡Boh! Entón é que no existe…

Pero Murdoch non sabe que un territorio alleo ó seu dominio está preparando o seu asalto ó mundo das telecomunicacións. “Un satélite galego non é unha utopía”. E isto é só o comezo: primeiro as PEMES, logo xa se verá, que a inventiva da terra non ten límites. Rupert non sabe o que se lle cae enriba…

Diarra


Domingo, 17 de xuño. As rúas baleiras, os bares cheos. Este domingo é un día deses que non remata ata mañá pola mañá. Ben entrada a madrugada, cando os últimos clientes se marchen, mirará o hostaleiro á caixa rexistradora, e logo á súa muller, e nesa mirada diralle que si, que a tele de plasma de todas aquelas polgadas foi definitivamente unha inversión, non un capricho.

Pero agora aínda non. Pasan das 10 e media da noite, e no cacharro de plasma un futbolista vestido de branco está saltando por enriba de dous de vermello, está cabeceando o balón, está marcando un gol. Gol! Non sei como foi onde vivides. A min pilloume en Santiago, camiñando pola zona vella. Por un momento, as casas de pedra foron un equipo de son Dolby Surround™, con voces saíndo por portas e fiestras.

Un cabezazo que vale unha Liga. Que vale para que moitos traballadores entren este luns cun sorriso de orella a orella ó choio, aínda que este siga sendo tan precario coma o luns pasado. Incluso para chinchar un pouco ó xefe se resulta que é barcelonista (fútbol e baloncesto, que tentación), porque, na súa infinita sabedoría, Diarra deu o cabezazo que a todos nos gustaría dar.

Mahamadou DiarraXa nos gustaría pegar nós un trallazo contundente que nos dea a Liga, que faga que nos decidamos a reclamar un traballo digno, a rematar os estudos que tan mal se nos daban, a falarlle a aquela moza que…, en fin, a colaborar con ese proxecto solidario do que temos tan boa opinión, pero para o que nunca hai tempo nin cartos.

O grande de ser madrilista é que todas estas cousas non tes porque facelas ti mesmo. Os xogadores brancos cobran grandes soldos, pero non por darlle patadas a unha bola chea de aire, como podedes supoñer (iso sería ben estúpido). Cobran por proporcionarlle a millóns de persoas unha ilusión de felicidade, de sentirse realizado persoalmente, talmente coma se levaran a cabo todo o que dixemos antes, pero sen moverse do sofá.

O prantexamento é perfecto, o resultado igual nos dous casos, non hai dúbidas. Só moi no fondo, algo que nos desacouga… Por que tivo que ser Diarra e non Robinho?

Estreamos alcaldías


Parecía que o tempo de pactos rematara. Que onte quedarían constituídos os gobernos para os próximos 4 anos nos concellos galegos, e que tras días de máis incertidume da que inicialmente se prevía, poderían empezar a organizarnos a vida. Non é así, de feito aínda son moitos os flecos de acordos nas corporacións municipais pendentes de pechar. É de agardar certo civismo por parte dos nosos dirixentes para que esas puntualizacións sobre quen manda canto e en que, rematen antes de que finalice a lexislatura.
Estas son, sen dúbida, as eleccións do bipartito. Un modelo que se repetirá en moitos concellos con excepcións, na miña opinión, moi honrosas. Unha das grandes preocupacións que me rondaban ao ver a noite do 27-M políticos exhuberantes presumindo pactos sen un prazo de negociación prudencial, é se ía haber imposición dende arriba. Finalmente, non foi así, e os matrimonios mal levados non tiveron que formar parella de feito sen querer. Aínda así, outros forzaron a máquina para chegar a acordo no último minuto, como na Coruña, Santiago e Vigo.E algún deixounos grandes momentos para recordar. Ou non foi romántica a historia en Lugo, con cartas e reaccións adolescentes de “eu non o chamo se non me chama el antes”?
Pero se esta lexislatura se vai caracterizar por algo é pola entrada de mulleres nas corporacións municipais. Será, sen dúbida, a primeira vez que nos consistorios vai haber tantas concelleiras, grazas á Lei de Paridade. No meu entrará a primeira, por exemplo. E chegamos por lei, pero non imos pensar no porqué tardamos tanto, senón no para qué. E as mulleres temos moito que dicir sobre como queremos os nosos concellos.

Déjà vu


Hai días nos que é moi difícil botarlle unha ollada ás seccións de Internacional. Días nos que o mundo semella poñerse dacordo para encher os titulares de novas sanguentas, como se en determinados lugares a paz non puidese ter lugar.

Pero tamén parece que dende hai unhas décadas os nomes son sempre os mesmos e que os problemas e conflitos noutras partes do globo son inexistentes. Entón prodúcense paradoxas como que o plan para Darfur, lugar no que en catro anos morreron 200.000 persoas, ocupe tanto espazo en televisión como o reloxo perdido de Bush.

Si, o mundo é moi amplo e é imposible falar de tódalas guerras tódolos días pero ¿por que subliñar sempre as mesmas áreas? Sen dúbida os intereses económicos (o petróleo) e os países implicados (normalmente EEUU) teñen moito que ver nesta situación. É un tema vello, seino, pero non por iso deixa de ser destacable porque os xornalistas xogamos un papel esencial neste asunto.

E as novas non van máis aló das cifras de mortos e edificios derrubados, as imaxes non van máis aló de homes que berran verbas que non comprendemos e nenos arrodeados de insectos. Faltan crónicas e background que axuden ós espectadores/internautas a distinguir un conflito doutro, a ver que detrás dos números que se acumulan día tras día hai unha historia diferente.

Pero as retinas están xa asulagadas de declaracións e vídeos cortados polo mesmo patrón. Vivimos nunha permanente sensación de déjà vu. Cortiniña e cambio de sección. Sempre quedará o desfile de moda para “desconectar”.

A padiola mecánica


Como veríades os máis observadores, hoxe damos a benvida oficial a dous novos membros da familia Xeración Web: Fournier Alan e Alan Fournier, “almas maters” do blog A padiola mécanica.

Despois de tanta campaña, tanto pacto e tanta crispación, non nos virá nada mal un (saque de) curruncho deportivo, así que benvida ós dous e sortiña.

post-padiola.gif

Ó igual que os outros blogs podedes acceder dende a portada de Xeración Web, dende a sección de blogs/opinión ou directamente tecleando no navegador padiolamecanica.xeracion.com.

Benvida ós dous e sortiña.

Perigo: piso húmido


Despois de case dúas semanas de marear a perdiz (e os xornalistas) por fin temos acordo marco. Xa podemos respirar tranquilos. Os dous líderes supremos do bipartito déronse a man como bos amigos e comprometéronse a que, nos concellos onde pactando poidan conseguir a alcaldía, farán todo o posible por levarse ben. Agora quedan as Deputacións, pero iso dará para outro post e será contado noutra ocasión.

O caso é que os socios do bipartito están condenados a entenderse e xa non só nos altos despachos da Xunta. Tampouco estamos falando de que Antón Losada e Méndez Romeu teñan que ser amigos, non oh, ninguén vai pedir tanto. Pero si que, por exemplo, outro Losada, Javier neste caso, terá que ceder unha parceliña da grande Coruña para que tamén o BNG teña onde xogar.

Mentres as altas esferas asinaban o acordo marco, varias voces xa se alzaron nos concellos avisando de que “Pactar? con ese? nin de coña!” É o caso de Mugardos, Vimianzo ou Vedra onde semella que quen goberne vaino ter que facer sen apoios.

O caso é que o soado acordo marco pode acabar sendo chan esvaradío para o bipartito da Xunta. Todo o mundo ten aínda na memoria o fracaso do pacto vigués nas pasadas eleccións. E os líderes supremos terán que andar vixilantes para ter conta de que os nenos xoguen sen armar bronca.

Perigo: piso húmido

Polo de pronto, un dos pactos máis complicados, o da Coruña precisamente, parece que vai por bo camiño e Losada e Tello ‘Progresan Axeitadamente’ nas negociacións ante o sorriso orgulloso dos seus maiores. Lugo, en cambio, é outro cantar. A primeira reunión empezou con mal pé e os futuros socios de goberno xa andan enfurruñados. Seica Orozco invitou a Lage a xogar ao seu despacho na alcaldía, cousa que a Lage lle pareceu bastante mal por non ser un sitio neutral, así que decidiu non ir.

A partir de aí adicaron o día a pasarse notiñas sen que os visen os maiores. Imaxino que o líder do BNG insinuaría polo baixo algo sobre que Orozco lle ten apego de máis ao seu sillón de alcalde, e que ben podería levantar e ir xogar a un sitio onde dean cátering. Supoño que o aludido respondería que el senta a reunirse onde lle sae do bastón de mando, que para iso é a lista máis votada, e que a merenda que lla dean na casa. O conto é que a historia acabou cun “pois agora enfádome e non me reúno máis”. Non sei se a Orozco e a Lage lles botarán unha berra por portárense mal e non facer caso do que firman os maiores, pero supoño que os líderes supremos andarán con pés de plomo e mirando ben onde pisan.

Fin de festa


Remata o cumio do G8, e todos semellan felices. Disque conseguiron pórse de acordo en case tódolos temas que trataron. Non era difícil. Ó cabo era só unha reunión entre amigos, sen presión, que aquí non se decide a vida ou morte ningún acordo marco.

O primeiro que nos demostraron os líderes mundiais é que os Monty Python nunca se foron, senón que atoparon un retiro dourado como redactores de discursos políticos. Senon non se explica a gran aportación do G8 ó medio ambiente: unha resolución que recoñece que o mundo se está indo ó tacho, que é necesario que os que mandan se poñan as pilas e reduzan as emisións atmosféricas nun 50% de aquí ó ano…
-ei, cala, que “os que mandan” somos nós!

-boh, tranquilo, emprazámolos a dentro de moitos anos, e as explicacións terá que dalas á xeración LOGSE.

-Pero teñen que ser moitos, moitos, ti mira o que pasou con Kioto, que inda nos ha de pillar o touro.

…ó ano 2050, diciamos.

Resumindo: nai Terra, recoñecemos que nos pasamos moito contigo, pero de baixarte da cruz, ná de ná.


O malo destas reunións tan ‘de postureo’ é que ó final, nin os grandes dramas son certos. Os Estados Unidos e Rusia obsequiáronos cun ‘revival’ invertido da crise dos mísiles que parecía de verdade, pero que rematou con grandes promesas de amizade e desexos de compartir os xoguetes de destrucción masiva. E como é de mala educación deixar os torpedos apuntando cara o teu novo mellor amigo, dirixímolos cara o Sur, que os países ’subdesenvolvidos’ comezan a acumular moita mala uva. Con iso, e con outra promesa das nosas de 60.000 millóns de dólares, malo será que non aguante a cousa…-ata 2050 polo menos, jejeje.

Pero non todos os países ‘pobres’ son iguais para os 7 magníficos máis Rusia. Algúns teñen a posibilidade de codearse cos grandes. Como é o caso do grupo que forman, México, India, China, Sudáfrica e Brasil. A obriga do G8 para con estes estados en rápido desenvolvemento industrial é evitar a toda costa que se desenvolvan demasiado, e unha marcaxe estreita para estar ó tanto do que traman. E se o conseguen, mellor convertelos en uns dos nosos, comezando polo nome, o novo G5.

Ó final, todos contentos. Quizais os miles de manifestantes que tentaban achegarse ó balneario de Heiligendamm non estean de todo satisfeitos, ó mellor non lles chega con ser só portada da prensa polos ladrillazos á policía, igual a maioría deles estaba alí para algo máis que para armar bulla. Évos o que hai. A nosa función non é preguntarnos esas cousas, senon seriamos sociólogos ou filósofos, pero non o que somos. Políticos de primeira.

Premi d’Honor de les Lletres Catalanes


Baltasar Porcel non é un autor tremendamente coñecido alén dos Països Cataláns, pero vén de gañar o 39º Premi d’Honor de les Lletres Catalanes. Un mallorquín de 70 anos, que se define como catalanista a pesar dos problemas que na súa vida iso lle poida ter acarreado, que acaba de superar un cancro.
O Premi d’Honor recoñece, con 30.000 euros, a traxectoria literaria ou científica de quen o recibe, pero sobre todo é unha homenaxe -en vida- á importancia e exemplaridade da súa labor intelectual e á súa contribución notable e continuada á vida cultural dos Països Catalans.
Son partidaria de que as homenaxes se fagan en vida. A gran diferencia entre as Lletres e as Letras está no pasamento. Supoño que tamén haberá algo de cultural, a morte é algo intrínseco no patrimonio galego, ese jalo de misticismo, a néboa que nos envolve.
Moitos dos escritores galegos foron ao cadaleito despois de pasar unha vida afogados en penurias económicas, un recoñecemento que chegaba tarde non só no eido económico senón tamén no persoal.
O malo das homenaxes é que adoitan chegar cando un xa está morto, o peor do das Letras Galegas é que tes que estar morto para recibila. É dicir, que tras unha vida loitando por defender unha cultura e unha lingua na que cres, coas túas penurias que iso conleva, serán os teus herdeiros os que gozarán das rendas que se derivan dos dereitos de autor que xeran os libros que se venden á conta túa.
Porcel, como os outros 39 escritores que xa o recibiron o Premi d’Honor, recibirá o premio EL, que para iso o traballou, será el quen o goce, e será el quen morra sabendo que os Països Catalans lle están agradecidos polo que fixo pola lingua e pola cultura.
María Mariño tivo que agardar a levar máis de 10 anos morta, criterio indispensable para o candidato ás Letras Galegas, para que Galicia lle agradecese o que fixo pola súa literatura e pola súa lingua.

Condicións de (por) vida


O 48% dos galegos afirma “chegar con dificultade a fin de mes”. O 10% das familias viven por debaixo do limiar da pobreza. As vivendas hipotecadas aumentaron case un 5% dende o 2002. “Así son as cousas e así as contamos”, ou máis ben así o conta o Instituto Galego de Estatística, ó falar das condicións de vida dos galegos. Semella que a economía segue a xogar na nosa contra e que os cartos esvaen cada ano con máis facilidade dos nosos petos.

Pero fuxamos do típico fatalismo da terra: os ingresos mensuais medios por fogar aumentaron. Ben, algo é algo. Entón ollas os datos e ves que as diferenzas entre a Galicia Atlántica e a interior seguen medrando, a primeira máis rica e con poboación máis nova. A segunda con menos ingresos e un grave envellecemento dos seus habitantes.

Os datos non son novos, continúan unha tendencia que levamos escoitando dende hai anos. Hei de recoñecer que, con tantas estatísticas, unha acaba por acostumarse… mais é imposible quedar indiferente ante porcentaxes como as que din que o 15% dos fogares ourensáns viven na pobreza, sen preguntarme que é o que está a acontecer.

¿Onde queda o crecemento da economía galega?¿U-las iniciativas que intenten poñer un freo á situación? Galicia ten potencial, isto podémolo comprobar día a día, observando as múltiples iniciativas que xorden en tódolos ámbitos. O problema atópase logo no reparto deses beneficios e na súa inversión en políticas sociais. As promesas dos políticos quedan moi ben para as eleccións pero as condicións de vida dos galegos seguen sendo máis graves cada ano que pasa.

A este ritmo voltaremos á tradición de herdar a casa familiar, pasando de xeración en xeración. Xa podo ver un diálogo futurista:

-Si, a miña familia leva neste piso dende os anos vinte do século XXI…

Cambia o clima


Como case calquera cousa ameazada, deteriorada, minorizada ou en perigo, o Medio Ambiente tamén ten o seu día, por mandato das Nacións Unidas. Foi onte, 5 de xuño, aínda que pasou bastante desapercibido. Na maioría dos xornais houbo que relegar as reportaxes de neveira sobre o cambio climático a un segundo posto, desprazadas pola noticia a toda páxina do anuncio de ETA de romper o cesamento de fogo.

Durante este último ano semella que todo o que cheire a medio ambiente leva por forza aparellado que hai que falar do cambio climático. Por primeira vez parece que case toda a sociedade se puxo de acordo para recoñecer que o clima cambia e arrequece, e que o máis probable é que o ser humano estea a acentuar bastante ese proceso. Os gobernos abren os ollos ás enerxías limpas e proliferan os plans e os protocolos. Por primeira vez dinnos que se cadra podemos facer algo para frear o quentamento global, e que pode ser aínda máis rentable que non facer nada. Segundo o terceiro informe do panel intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) manter o actual nivel de concentración de CO2 custará case o 0′3% do PIB mundial, pero reducindo as emisións á metade, esa cifra baixaría ata ó 0′12%.

Con todo, as perspectivas son máis ben escuras. Se James Lovelock ten razón, a sociedade acordou tarde. Se continuamos emporcando a atmósfera de CO2 o planeta seguirá a quecer. Se paramos, non servirá de nada, porque xa a Terra tomou as decisións por nós. As zonas agora árticas serán as únicas habitables dentro duns poucos anos, onde só unha mínima parte dos cidadáns poderán sobrevivir, se resisten guerras e éxodos masivos.

Pero para o cidadán de a pé o convencemento de poder facer algo é difícil de manter. Pídennos compromiso ecolóxico. E nós reciclamos, si, pero preguntámonos de qué serve a nosa ducia de botellas no iglú verde se no traballo moreas de papel acaban cada día no colector de residuos orgánicos. Estiramos o peto e mercamos lámpadas de baixo consumo; pero cada nadal vemos que todas as luces das rúas consomen máis e máis electricidade, que encima tamén pagamos dos nosos petos. Lemos a letra pequena dos estudos e enterámonos de canto contamina a industria, e de os Estados Unidos seguen sen querer comprometerse a reducir a contaminación.

O máis probable é que suspiremos mentres arrancamos o coche para ir ao traballo, pensando que cun pouco de sorte dentro de 50 anos a nosa aldea será unha paradisíaca illa na que podermos xubilarnos e vivir como ermitaños.

Benvido a Éche o que hai

o blog editorial de Xeración Web. Aquí contarémosche o día a día e a nosa visión da (ir)realidade

Pasa e ponte cómod@, e lembra que toda suxerencia será benvida.

Podes contactar connosco en: echeoquehai@xeracion.com