Perigo: piso húmido
Despois de case dúas semanas de marear a perdiz (e os xornalistas) por fin temos acordo marco. Xa podemos respirar tranquilos. Os dous líderes supremos do bipartito déronse a man como bos amigos e comprometéronse a que, nos concellos onde pactando poidan conseguir a alcaldía, farán todo o posible por levarse ben. Agora quedan as Deputacións, pero iso dará para outro post e será contado noutra ocasión.
O caso é que os socios do bipartito están condenados a entenderse e xa non só nos altos despachos da Xunta. Tampouco estamos falando de que Antón Losada e Méndez Romeu teñan que ser amigos, non oh, ninguén vai pedir tanto. Pero si que, por exemplo, outro Losada, Javier neste caso, terá que ceder unha parceliña da grande Coruña para que tamén o BNG teña onde xogar.
Mentres as altas esferas asinaban o acordo marco, varias voces xa se alzaron nos concellos avisando de que “Pactar? con ese? nin de coña!” É o caso de Mugardos, Vimianzo ou Vedra onde semella que quen goberne vaino ter que facer sen apoios.
O caso é que o soado acordo marco pode acabar sendo chan esvaradío para o bipartito da Xunta. Todo o mundo ten aínda na memoria o fracaso do pacto vigués nas pasadas eleccións. E os líderes supremos terán que andar vixilantes para ter conta de que os nenos xoguen sen armar bronca.

Polo de pronto, un dos pactos máis complicados, o da Coruña precisamente, parece que vai por bo camiño e Losada e Tello ‘Progresan Axeitadamente’ nas negociacións ante o sorriso orgulloso dos seus maiores. Lugo, en cambio, é outro cantar. A primeira reunión empezou con mal pé e os futuros socios de goberno xa andan enfurruñados. Seica Orozco invitou a Lage a xogar ao seu despacho na alcaldía, cousa que a Lage lle pareceu bastante mal por non ser un sitio neutral, así que decidiu non ir.
A partir de aí adicaron o día a pasarse notiñas sen que os visen os maiores. Imaxino que o líder do BNG insinuaría polo baixo algo sobre que Orozco lle ten apego de máis ao seu sillón de alcalde, e que ben podería levantar e ir xogar a un sitio onde dean cátering. Supoño que o aludido respondería que el senta a reunirse onde lle sae do bastón de mando, que para iso é a lista máis votada, e que a merenda que lla dean na casa. O conto é que a historia acabou cun “pois agora enfádome e non me reúno máis”. Non sei se a Orozco e a Lage lles botarán unha berra por portárense mal e non facer caso do que firman os maiores, pero supoño que os líderes supremos andarán con pés de plomo e mirando ben onde pisan.


