Así non se pode




Así non se pode.

Seino, só era cuestión de tempo, e tampouco nos vamos enganar, o ano xa empezou atravesado co atentado de Barajas. Pero non por anunciado, deixa de ser menos fodido. Algúns fomos para cama coa noticia, e outros erguéronse con ela. E así, simplemente, non se pode…

En quente tampouco vale de moito facer valoracións, e todos tivemos bastante tempo nestes 15 meses para xulgar os actos de cada quen. Iñaki Anasagasti, home duro pero sabio, dicíanos hai uns días que o proceso se levou dun modo infantil, con roldas de prensa case diarias cando tería sido necesario máis silencio e sentidiño común.

Certo. Neste tempo vimos como algúns parecían máis preocupados por marcar o seu nome na Historia con letras de ouro mentres outros seguían trazando liñas de infamia. Tamén vimos como algúns pensan que en política vale todo e que a vitoria nas urnas ben vale unha misa, mesmo se se trata dun funeral. Lamentable. Pero sobre todo vimos como os totalitarismos teñen a boca moi grande e as patas moi curtas. Á hora da verdade, pode máis a cobardía.

Dende aquí un abrazo para todos os vascos, pero os de verdade, os que saben que non necesitan unha pistola enriba da mesa para dialogar. Hoxe é un día triste, deses nos que máis valía non levantarse. Pero tranquilos, son estúpidos. Queren continuar unha guerra só para asegurarse de que a teñen perdida.

Hoxe non se pode. Pero mañá seguro que si.

Ánimo.

Información e enlaces

Comenta, entérate do que dixeron outras persoas, ou enlaza isto no teu blog.


Outros posts
Cambia o clima
Cine en galego

Escribe un comentario

Adícanos un momento para deixar un comentario e contarnos a túa opinión. Podes formatear cun HTML básico.

Comentarios

¡Sé o primeiro en deixar un comentario!