Débedas
Esta fin de semana inaugurouse a Casa da Cultura de Camelle bautizada como “Casa do Alemán” en honor de Manfred Gnädinger, Man. Hai un par de meses, gran parte dos que hoxe compoñemos a redacción de Xeración fomos ata Camariñas de “excursión”. Faláranos do estado lamentable no que se atopaba o legado de Man, pero dende logo non estabamos preparados para aquel espectáculo dantesco.
Camelle, a Costa da Morte e toda Galicia ten unha débeda coa memoria de Man que vai moito máis alá dun simple local. Non é un mal comezo, pero non chega nin para pagar a entrada desta hipoteca. Non fixemos nada aínda para secar as bágoas de fuel que O Alemán deixou tatuadas na costa. A súa morte segue a ser unha pesada carga sobre a nosa conciencia.
Entre as pouquiñas cousas positivas que sacamos aquel día está a descuberta do talento de David Cabezón. David é o compañeiro de redacción que se ocupa do servicio audiovisual da Axencia Galega de Noticias. Botádelle unha ollada ó seu rincón no flickr veredes que sorpresa. Seguramente podería adicarse profesionalmente á fotografía, pero é posible que entón deixase de ser “o noso David”, así que deixa estar así a cousa, polo menos de momento.
Dende a redacción quixemos que a primeira imaxe que alumbrase a nosa cabeceira fose súa. Este é un fragmento de “Prohibida la entrada”, unha instantánea tomada aquel día na entrad do museo. Unha das ramas conserva aínda o precinto da policía colocado o día que se constatou a súa morte. Aquel plástico rasgado é unha cicatriz aberta.




David é un fenómeno.