Esfera libre, xornalismo cidadán en Xeración Web
Unha das tendencias máis interesantes no xornalismo web dos últimos anos -e que debería pronto “inundar” o xornalismo tradicional- é a metamorfose do lector en usuario, que conta con medios para interactuar de forma moito máis activa e reflexiva coa fonte de información.
Non nos gustaría ser alleos a este interesante fenómeno que está a provocar un gran cambio nas bases do xornalismo. Por iso queremos artellar en Xeración Web varias vías de participación que vaian máis alá de reservar algúns espazos para os usuarios. Ou sexa, ir un chisco máis alá dunhas simples “Cartas ó director 2.0″. Algunhas destas canles estarán de inicio e outras iranse incorporando a medida que avance a “fase beta” e nos vaiamos coñecendo mellor.
Hoxe gustaríanos falarvos dunha delas, Esfera libre, unha área aberta á participación cidadá, elaborada exclusivamente cos contidos enviados pola comunidade.

De todo tipo, dende denuncias locais, crónicas deportivas, artigos de opinión, críticas de cine ou teatro, videocreacións…
O importante é que acheguen unha visión única que enriqueza os contidos elaborados habitualmente pola redacción.
Se formas parte dun colectivo ou organización podes dar conta da vosa actividade ou dos problemas cos que vos atopades. Iso si, non se publicarán comunicados nin convocatorias de prensa.
Esfera libre terá un espazo propio dentro do xornal, pero os contidos non quedarán recluídos aí, senón que “inundarán” o resto das seccións segundo a súa temática e interese.
¿Publicarase en Esfera libre todo o que se envíe?
Non, Esfera libre non é un nin un simple foro ou un taboleiro, senón a sección dun medio de comunicación que debe cumprir cuns estándares informativos. A redacción revisará os contidos enviados antes de publicalos, do mesmo xeito que se establecen filtros e verificacións para todo aquilo que elaboraremos nós.
No caso de non publicación comprometémonos a explicarlle ó autor os motivos por escrito e a buscar unha solución.
Xa me sei o conto. Ides de ‘progres’, pero seguro que aplicades censura a todo aquilo que non vos guste…
A forza do xornalismo cidadán é a pluralidade de temas e enfoques, e que a comunidade chegue onde os xornalistas non somos capaces. Tirariamos pedras sobre o noso tellado se excluiramos temas só por non comungar con eles.
Para colaborar en Esfera libre só pedimos dúas cousas: honestidade e respecto, exactamente o mesmo que nos imos esixir os redactores no día a día. Como medio de comunicación, entenderás que temos unha responsabilidade sobre os temas que se publican. Todos podemos equivocarnos á hora de manexar datos e informacións, pero o que non podemos permitir é que Esfera libre se convirta nunha tribuna para insultos ou acusacións sen proba. Ese é o tipo de contido que non terá cabida de ningunha maneira.
Agora ben, se todos actuamos con sentidiño, non haberá ningún problema, ¿non?
Pode darse a posibilidade de que algúns temas susciten dúbidas a nivel informativo ou legal, pero como dixemos antes comprometémonos a discutilo sempre co autor e a buscar unha solución.
¿Haberá algún tipo de retribución por participar en Esfera libre?
Do mesmo xeito que comezan a facer varios proxectos da web 2.0, gustaríanos poder compartir os ingresos xerados coa comunidade. Claro que nunha fase inicial pouco se pode repartir, así que teremos que limitarnos a algún sorteo e a entregarvos a nosa eterna gratitude.
¿Como facer chegar algún contido?
Preferiblemente por correo electrónico en forma de arquivo adxunto adxunto á esferalibre@xeracion.com ou a xeracionweb@gmail.com.
Tamén podes envialo en soporte óptico (CD, DVD..) á Rúa Salvadas, 27, C.P. 15705, Santiago.
Calquera soporte é válido, texto, fotográfico, sonoro, videográfico ou multimedia. Iso si, ten en conta que a optimización en canto a peso e extensión é un valor engadido nos contidos web.
Así que xa sabedes, animádevos a participar ![]()



sentidiño?? cal deles, o teu ou o meu?