Ola
Deste lado da pantalla, comezamos hoxe un novo camiño.
¿Que é Xeración Web? Basicamente, un novo xornal dixital, pero tempo teremos de irnos coñecendo mellor. De momento só queremos saudar e presentarnos.
Tomaremos prestada esta casiña uns días ata que nos mudemos á definitiva, moito máis grande e un chisco máis luxosa. Esta bitácora quedará como a nosa habitación, dende a que iremos contando o día a día da redacción.
Temos moita sorte. Tocounos vivir un gran momento para a comunicación onde todos, medios e usuarios, debemos redefinir o papel que nos toca representar neste novo ecosistema informativo. Para os xornalistas, a Rede supón un desafío extremadamente complexo, pero tamén unha grande oportunidade para experimentar novos camiños e modelos máis abertos e activos. E iso é o que dende aquí queremos probar.
Non imos facer grandilocuentes declaracións de intencións. Nesta redacción a idade media anda polos vinte e poucos, así que comezamos este camiño coa ilusión e humildade de quen sabe que quedan moitas novatadas por pagar.
De seguro que coa vosa axuda todo será moito máis fácil. Gústanos a rede, gústanos o xornalismo e cremos con toda sinceridade e honestidade que xuntos podemos facer un bo traballo.



Que teñades moita sorte!!! Saúdos dende RG!